CRTVG

Buscar

Galicia amence con novas restricións ante a pandemia

Publicado o 22/10/2020 08:15

A Xunta endurece as medidas contra a covid−19, explica a orde da Consellería de Sanidade publicada no DOG, ante a tendencia crecente de casos nos últimos días e o factor máis alarmante: constatar que de xeito progresivo os contaxios afectan aos grupos de poboación de máis idade. Está aumentando tamén a presión en áreas hospitalarias, coidados críticos e urxencias. O comité clínico considera que a transmisión está aumentando e adopta medidas máis restritivas para protexer, por tanto, os máis vulnerables e o sistema asistencial.

Co obxectivo de evitar aglomeracións e reducir a interacción social sobre todo en ámbitos familiares e de amizade, que é cando se relaxan as medidas, a partir de hoxe, e durante dúas semanas, en ningún lugar de Galicia poderá haber reunións de máis de cinco persoas. Nin en espazos públicos nin en privados. Queda prohibido o consumo en barra na hostalería e a ocupación dos negocios redúcese á metade. Sanidade fai un chamamento a crear ámbitos burbulla, relacionarse con pouca xente e sempre a mesma.

O presidente da Xunta fai un chamamento á responsabilidade de todos para dar freado a curva de contaxios e evitar que a situación se agrave.

A día de hoxe hai 21 concellos en alerta máxima. Pasan a este nivel Lugo, Pontevedra, Poio, Tui, Salvaterra, A Estrada, Mesía e Oleiros.

Na área sanitaria de Pontevedra, con 538 casos activos, aumentou considerablemente a incidencia nos últimos días en Pontevedra cidade, Poio, Cangas, A Estrada e Vilagarcía, que entran en nivel tres.

O concello de Lugo entrou tamén neste nivel máximo de alerta. Sanidade activou o nivel laranxa en Monforte e o amarelo, en Cospeito e Bóveda. 

Noticias web

22/10/2020