CRTVG

Buscar

Disturbios en París pola morte dun mozo negro, que vencellan coa actuación policial

Publicado o 02/06/2020 22:51

Unha manifestación multitudinaria organizada este martes en París para denunciar a morte dun mozo negro ao ser detido en 2016 derivou, tras coñecerse un informe forense que atribúe o seu falecemento á policía, en altercados e enfrontamentos coas forzas de seguridade.

Varios miles de persoas (15.000, segundo as forzas da orde) concentráronse desde media tarde xunto ao novo Palacio de Xustiza, ao norte de París, convocados polo colectivo "A Verdade para Adama" (o mozo falecido chamábase Adama Traoré).

Durante horas, a protesta desenvolveuse sen incidentes, pero dexenreou cara ás 9 da noite en altercados protagonizados por algúns dos participantes, que queimaron mobiliario urbano e ocuparon algunhas vías de comunicación, e no lanzamento de gases lacrimóxenos por parte da policía.

Os manifestantes levaban pancartas coas que reclamaban "xustiza" para Traoré e outras que recollían os lemas que se repiten nos Estados Unidos pola morte de George Floyd a mans da policía en Minneapolis. Adama Traoré morreu o 19 de xullo de 2016 na Xendarmería da cidade de Persan, na rexión de París, a onde fora conducido tras ser detido na localidade de Beaumont sur Oise ao cabo dunha persecución.

Os axentes que o atraparon reducírono no chan cunha técnica policial que, segundo a familia, lle causou a morte horas despois, ao contrario do que afirman as peritaxes realizadas pola xustiza. Esta tarde, os avogados da familia presentaron as conclusións dun novo informe médico, que se realizou á marxe do procedemento xudicial.

 

Noticias web

02/06/2020