CRTVG

Buscar

Disolven un botellón de 200 persoas na fin de semana en Ourense

Publicado o 01/03/2021 21:26

En Ourense, as forzas de seguridade tiveron que disolver un botellón cuns douscentos mozos implicados. A policía advirte de que será inflexible con estas condutas. 

Foron membros da Policía Nacional os que actuaron para disolver esta xuntanza ilegal por parte dos mozos, xa que non está permitido polas medidas sanitarias da pandemia. Os axentes identificaron tanto os 200 rapaces que estaban na praza de Santo Antonio de Ourense como os propietarios dos establecementos onde comercializaban as bebidas.

Os corpos de Seguridade do Estado xa advertiron de que serán inflexibles ante este tipo de condutas. O bo tempo e o alivio das restricións fixeron que esta fin de semana algúns concellos da costa recibiran grande afluencia de visitantes.

Na noitiña deste luns podían verse unha trintena de persoas, xente nova, algúns deles consumindo bebidas alcohólicas. Algunhas das persoas que participaron no botellón do sábado din que queren máis liberdades e que abran máis establecementos de hostalería.

Os propietarios dos dous negocios hotaleiros que hai na praza comentan que foron os primeiros sorprendidos porque vían que o público desta fin de semana non era o habitual. Aseguran que na zona adoita haber familias e non xente tan nova.

Os hostaleiros solicitan a apertura das terrazas durante máis tempo porque teñen que pechar ás 18:00 e, dende esa hora e ata as 21:30 -hora estipulada en que poden deixar de vender bebidas alcohólicas para levar-, a xente busca unha "terraza natural" nesa praza e en moitas outras. 

Ademais, o venres era o último día de vacacións para os universitarios e din que todas esas condicionantes xuntáronse esta fin de semana na que se chegaron a reunir ata 200 persoas.



Noticias web

01/03/2021