CRTVG

Buscar

Sánchez promete reforzar a sanidade e pide unidade política fronte ao COVID-19

Publicado o 19/03/2020 10:37

• "O peor está por chegar" | A oposición apoia o Goberno con críticas

• Valentina Cepeda, a protagonista dun Congreso case baleiro

• O Congreso debaterá o 25 de marzo a prórroga do estado de alarma

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, prometeu que o Goberno revisará o sistema sanitario cando pase a epidemia do coronavirus para reforzalo e pediu á partidos "unidade política" para afrontar esta crise, na que alertou que "o máis duro está por chegar".

Na súa comparecencia deste mércores no Congreso, Sánchez xustificou o momento no que se decretou o estado de alarma, que foi, segundo dixo, "cando se tivo a certeza de que resultaba imprescindible", porque "os dereitos que restrinxe e os bens que pon en xogo son suficientemente valiosos para ser preservados ata ese instante".

O xefe do Executivo advertiu que o máis duro desta crise "está aínda por chegar" e producirase cando o sistema sanitario "reciba o impacto de maior número de persoas contaxiadas".

"Ata que a vacina chegue, nós somos a vacina", dixo Sánchez para despois pedir "sacrificio e unión" e insistir en que cada persoa que quede en casa "suma para salvar vidas e axuda a dobregar a curva". "Cada un de nós somos a devasa que pode frear este incendio e poñerlle fin canto antes", sinalou.

Ademais, Sánchez confirmou que cando conclúa esta pandemia o Executivo presentará o proxecto duns orzamentos xerais do Estado de "reconstrución social e económica" para os que espera contar co "apoio de todas as forzas políticas".

"Estamos a falar duns orzamentos para reconstruír o noso país", subliñou Sánchez, quen reiterou que estas contas serán "extrasociais" e irán "cara á defensa da economía e a protección das familias e as empresas".

Xunto ao anuncio das contas, Sánchez tamén avanzou que cando pase esta situación o Goberno impulsará unha comisión de estudo e avaliación que analice "con rigor" a situación da sanidade e elabore un libro branco cos "axustes e cambios" que mostren necesarios.

"Pode ser a primeira lección desta emerxencia, que protexamos o sistema saúde e reforcemos o estado de benestar, dixo o xefe do Executivo, quen ao comezo do seu discurso lembrou aos falecidos por esta enfermidade e enviou unha mensaxe de agarimo ás súas familias e amigos.

O presidente do Goberno enumerou todas e cada unha das medidas aprobadas polo Executivo desde que estalou esta crise, incluído o decreto polo que se van a mobilizar 200.000 millóns de euros para facer fronte aos estragos económicos do coronavirus.

E quixo enviar unha mensaxe de "tranquilidade absoluta" aos cidadáns ao asegurar que a subministración alimentaria está garantida.

Tamén recalcou que están garantidos as subministracións enerxéticas e das "infraestruturas críticas" para asegurar a "protección dos servizos esenciais".

Ante un Congreso case baleiro e fronte aos principais portavoces da oposición, Sánchez sinalou que un desafío humano destas dimensións esixe a máxima mobilización de todos os recursos dispoñibles e a "unidade de acción" que require de "todos por encima das siglas".

Por iso quixo facer de novo, aínda que esta vez desde a "solemnidade" do Congreso, un chamamento á "unidade política" e pediu a todos os representantes dos partidos que contribúan a loitar contra esta crise coa "máxima altura de miras" e con "sentido de estado".

Con esta crise, dixo, as preferencias e prioridades "cambiaron" e como responsables políticos todos están sometidos ao "maior grao de esixencia por parte da cidadanía".

"Do mesmo xeito que pedimos disciplina ao conxunto da cidadanía, debemos esmerarnos por estar á altura dos nosso cidadáns entregando todo o noso esforzo e tempo" e contribuíndo con ese sentido de Estado, salientou.

"Non somos rivais, non somos adversarios, somos os representantes de todo os cidadáns unidos ao redor dun gran obxectivo, gañarlle ao virus", engadiu Sánchez ante os portavoces da oposición na Cámara Baixa.

E terminou a súa intervención proclamando que España conforma unha "comunidade". "Unha comunidade que con varias linguas e acentos combaten por unha mesma causa, para vencer o virus unidos, será así como o venceremos", dixo.

 

 

A oposición apoia o Goberno con críticas

O socio do Goberno de coalición, Unidas Podemos, pide medidas máis valentes. Os socialistas agradecen o apoio do resto de grupos. Malia ese apoio, houbo intervencións críticas como a de Esquerra, para os que o Goberno actuou tarde. Desde o BNG pídenlle ao Executivo "pechar Madrid e blindar Galicia".

 

Néstor Rego afirmou que había "plena disposición do BNG para colaborar en todo o posible para atallar esta crise, mesmo se as medidas adoptadas non nos gustan ou foron insuficientes. Durante os primeiros cinco días o 70 por cento dos contaxios procedía de Madrid. Hoxe pechar Madrid, blindar Galicia é un clamor no noso país".

Gabriel Rufián, de ERC dixo que "a demora e a incompetencia fronte ao que temos en fronte non supón perda de votos, supón perdas de vidas. As bandeiras nin alimentan nin curan virus".

Pablo Echenique, de Unidas Podemos afirmou que "son medidas valentes para protexer traballadores asalariados, autónomos e empresas. Permítome suxerirlle, señor presidente, que traballemos a posibilidade de implementar algunha forma de ingreso mínimo que poida protexer os que non teñen rendas ou rendas moi reducidas".

Adriana Lastra, do PSOE dixo que non sairíamos desta crise nin separados nin divididos, que non sairemos "cada un mirando para si", "desta crise non sairemos se actuamos só como partidos, desta crise sairemos como comunidade. Moitas grazas, señores portavoces, polo apoio que hoxe están amosando e que adoita ser inusual nesta cámara".

PP e máis Vox tamén amosaron o seu apoio ao Goberno. Casado dille a Sánchez que "non está só" na loita contra a pandemia, pero tamén lle reprochou "falta de autocrítica e humildade". E desde Vox, din que non é tempo de confrontación senón de unidade, pero piden a dimisión dos vicepresidentes Calvo e Iglesias.

Iván Espinosa de los Monteros, Vox: "A señora Calvo e o señor Iglesias non poden continuar no seu goberno, nin saben de saúde nin saben de economía e demostraron sobradamente a súa incapacidade para exercer as vicepresidencias de España. Señor Sánchez, recupere a cordura, céntrese en protexer os españois que o están dando todo por protexer España".

 

Pablo Casado, do PP: "Tempo haberá aquí de dirimir as responsabilidades, neglixencias ou atrasos na xestión desta crise. A verdade é que se botou en falta algo de autocrítica e humildade pola súa parte. É o presidente do Goberno dunha nación atacada por un inimigo invisible e implacable, pero, a diferenza doutras graves crises do pasado, esta batalla, afrontámola xuntos".

 

Un Congreso case baleiro cunha protagonista na sombra

Alén das intervencións políticas, a gran protagonista da sesión celebrada esta mañá no Congreso foi Valentina Cepeda, a encargada de limpar e desinfectar a sala durante a intervención.

Cuberta cunha máscara, luvas e un pano, encargouse de manter a punto en todo momento o hemiciclo, practicamente baleiro; un labor fundamental polo que a felicitaron varios dos alí presentes.