CRTVG

Buscar

Detectan falta de persoal e de limpeza nas residencias con máis casos de coronavirus

Publicado o 03/04/2020 09:18

Falta de persoal, deficiencias de limpeza e necesidade de equipos de protección son algunhas das eivas que presentan as residencias DomusVi Barreiro de Vigo e DomusVi Aldán de Cangas, os maiores focos de contaxio do coronavirus en Galicia, con 214 persoas contaxiadas e 11 falecidos, segundo os últimos datos oficiais.

A declaración do estado de alarma hai 20 días implicou tamén que as administracións autonómicas asumiran a tutela das residencias de titularidade privada, e a Xunta interveu os dous centros, con 150 prazas cada un, tras coñecerse que máis da metade dos usuarios e 38 traballadoras están infectados.

A nova dirección nomeada pola Administración decidiu trasladar os anciáns non contaxiados destes dous centros a unha residencia de tempo libre en Nigrán. En total, prevese o traslado escalonado de 88 maiores, despois de que se realicen as probas que certifican que están libres do virus.

As residencias de maiores son un dos principais focos de contaxio do coronavirus en Galicia. Os datos facilitados pola Consellería de Política Social reflicten máis de 30 falecidos e 577 contaxiados en máis de 30 residencias da comunidade autónoma.

 

Noticias web

03/04/2020