CRTVG

Buscar

Dimite a representante de Isabel II no Canadá como xefa do Estado por acoso laboral

Publicado o 21/01/2021 23:25
Dimite a representante de Isabel II no Canadá como xefa do Estado por acoso laboral

Julie Payette, a gobernadora xeral do Canadá, que exerce como xefa de Estado, viuse forzada a dimitir este xoves despois de que unha investigación independente confirmara as acusacións de acoso laboral formuladas contra ela e a súa xefa de gabinete por varios empregados.

Segundo avanzaron varios medios de comunicación canadenses, Payette e a súa xefa de gabinete, Assunta Dei Lorenzo, dimitiron tras filtrarse hoxe o resultado da investigación, que conclúe que a gobernadora xeral, que representa á raíña de Inglaterra, creou un ambiente de traballo "tóxico" desde o seu nomeamento ao cargo.

A radiotelevisión pública canadense, CBC, sinalou que Payette, unha antiga astronauta de 57 anos e que foi nomeada gobernadora xeral en outubro de 2017, será substituída de forma temporal polo presidente do Tribunal Supremo de Canadá, Richard Wagner.

O xornal The Globe and Mail sinalou que Payette dimitiu porque a investigación "pintou unha imaxe moi negativa do ambiente laboral na Oficina da Gobernadora Xeral" desde que a exastronauta foi designada como xefa de Estado polo primeiro ministro canadense, Justin Trudeau.

As autoridades canadenses iniciaron unha investigación sobre a situación do persoal de Payette en xullo do ano pasado, despois de que CBC entrevistara unha ducia de empregados e exempregadoes que revelou que a gobernadora xeral e a súa xefa de gabinete "menosprezaron, rifaron e humillaron publicamente" o persoal.

Payette tamén foi acusada de maltratar os axentes asignados á súa seguridade, incorrer en elevados gastos non xustificados e, en xeral, ignorar as obrigas do seu cargo. Tras a publicación das denuncias, Payette emitiu un comunicado en que sinalou que consideraba "o acoso e problemas laborais con moita seriedade" e aceptaba someterse a unha investigación independente.

A firma encargada da investigación en setembro entrevistou entre 80 e 150 persoas e emitiu recentemente un informe confidencial ao Consello Privado, o organismo do Estado canadense encargado da xestión dos funcionarios públicos e que informa directamente o primeiro ministro. Segundo The Globe and Mail, parte das conclusións do informe serán reveladas nas próximas horas. 

Noticias web

21/01/2021