CRTVG

Buscar

Diminúen os novos casos confirmados na área de Vigo, onde comezan a dar resultado as restricións

Publicado o 23/11/2020 14:57

Os datos oficiais mostran que a área sanitaria de Vigo mantén, nos últimos días, unha tendencia á baixa no número de novos casos confirmados.

Segundo eses últimos datos oficiais, a área sanitaria de Vigo suma 42 novos casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, o que significa que reduce case á metade os contaxios respecto aos da xornada anterior, e faino por segundo día consecutivo.

Os datos son moito máis optimistas, pero as autoridades sanitarias advirten de que non se pode baixar a garda.

Con todas as cautelas, os datos da área sanitaria viguesa son, dende a fin de semana, máis esperanzadores e reflicten que as restricións impostas dende hai días poderían estar dando resultados.

Arestora, na área sanitaria viguesa hai 2.260 pacientes con infeccion activa. Tanto nos ingresos en planta como na unidade de coidados intensivos a situación é de estabilidade, segundo as autoridades sanitarias.

Nesta área preocupa a situación nalgunhas residencias de maiores, entre elas a de Mos, que é a que máis casos de coronavirus rexistra de Galicia.

Ademais, nos próximos días retomarase en Vigo o cribado masivo entre a poboación, co obxectivo de detectar posibles casos asintomáticos.

Esta fin de semana 1.490 persoas xa se someteron ás probas PCR.

Noticias web

23/11/2020