CRTVG

Buscar

Diminúe a idade media das persoas que sofren ludopatía

Publicado o 05/05/2019 17:25

Conforme datos da Dirección Xeral de Ordenación do Xogo, o 1% da poboación de entre 18 e 75 anos padece ludopatía. A Asociación Galega de Xogadores Anónimos alerta da diminución da idade media das persoas que sofren esta adición. Segundo denuncia, o escaso control do xogo en liña e das apostas deportivas facilitan o seu acceso a menores de idade.

O 14% da poboación de entre 14 e 17 anos practica algún xogo de azar polo menos unha vez ao mes. Son datos do Plan Nacional sobre Drogas. En Galicia, a porcentaxe elévase ao 20%, segundo un estudo elaborado pola Universidade de Santiago en centros escolares. A maioría son apostas deportivas e xogos en liña.

Piden un esforzo da Administración para alertar das consecuencias negativas do abuso destas prácticas, controlar a publicidade e regular o emprazamento dos salóns de xogo e das máquinas de apostas.

O acceso de menores ao xogo en liña e ás apostas deportivas está a mudar o perfil das persoas que desenvolven unha ludopatía.

A asociación Galega de Xogadores Anónimos recoméndalle ás familias estar alerta e pedir axuda canto antes.

Noticias web

05/05/2019