CRTVG

Buscar

Difícil regreso dos emigrantes galegos para pasar as vacacións nos seus lugares de orixe

Publicado o 05/07/2020 19:13

A pandemia trouxo consigo moitas imaxes inéditas a Galicia, unha delas atopámola en concellos que cada verán duplican a súa poboación coa chegada dos emigrantes. Desta volta son os menos os que pasarán as vacacións nos seus lugares de orixe. As dificultades para viaxar e o medo aos contaxios botaron por terra o seu arelado tempo de descanso en Galicia.

Rúas baleiras, casas pechadas e bares sen apenas clientes. Esta é a imaxe que deixa a pandemia durante este verán en Beariz. Apenas hai emigrantes de vacacións.

Manuel tiña billete para voar a España dende México o pasado 21 de marzo. Finalmente, tras moitos aprazamentos, conseguiu chegar a Beariz hai quince días.

O dez de marzo chegou Manuel dende Panamá, apenas uns días antes de que comezara o estado de alarma. Aquí quedou durante o confinamento, na aldea de Magros, de onde é orixinario, e agora nin sequera ten claro cando volverá.

O concello de Beariz ten 700 veciños; nestas datas chegan a ser máis de 2000. Unha fotografía que este ano xa non será posible e que moitos botarán en falta durante os meses do verán.

Noticias web

05/07/2020