CRTVG

Buscar

Díaz Ayuso di que os madrileños están "amordazados" e o Goberno explica as súas razóns

Publicado o 16/05/2020 14:52

A Comunidade de Madrid segue a centrar a polémica despois dos cambios de fase que se levarán a cabo o luns. Esta semana o 51 % da poboación española entraba en fase 1 e desde o luns vindeiro será o 70%: 32 millóns de persoas. As únicas que seguen na fase cero son a comunidade madrileña, a área metropolitana de Barcelona e 26 comarcas de Castela e León. Pasan á fase 2 catro illas: Formentera, nas Baleares, e Hierro, A Gomera e A Graciosa nas Canarias.

A tirapuxa política e institucional en Madrid non cede. A fase cero, con medidas de alivio, ou cero con cinco como lle chaman algúns, segue sen contentar a presidenta da Comunidade de Madrid. Díaz Ayuso di que o Goberno non lle deu explicacións sobre a decisión adoptada e que, ademais da falta de transparencia, hai discriminación entre territorios.

"Téñennos reféns, téñenos amordazados e ao final o que está habendo tamén é un recorte de liberdades. Estase tentando minar o deseño constitucional pola porta de atrás e a unidade de España e, sobre todo, a igualdade ante a lei e a xustiza. Por todo iso a Comunidade de Madrid solicítalle ao Goberno de España claridade, transparencia, explicacións de por que o motor económico de España vai seguir cerrado", sinalou Díaz Ayuso. O conselleiro de Sanidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero, acompañouna na comparecencia ante os medios e foi taxativo: "Madrid está preparado para pasar á fase un. Os criterios técnicos que nos pide o Ministerio cúmprense, tanto nos indicadores de saúde como na capacidad asistencial que ten a nosa comunidade como na capacidade de flexibilidade".


Fernando Simón explicou que a taxa de hospitalización e ingresos en UCI en Madrid foi moi alto e que agora están traballando ben en varias liñas, pero que aínda quedan algúns aspectos pendentes dunha mellora maior ata chegar aos estándares esixidos. "Toda esa presión asistencial que tivo polo volume tremendo de casos que tivo que tratar fixo que outra parte do sistema asistencial, fundamentalmente a atención primaria e a saúde pública, sufrira e agora mesmo están reforzándoa de maneira moi boa", sinalou Simón.

A primeira hora da tarde transcendía que o Goberno lle enviou un documento á Comunidade de Madrid explicativo da decisión adoptada. Nel indícase que teñen que reforzar máis a atención primaria, porque a información recibida corresponde só "a dous días de tratamento". Tamén lle piden a Madrid ter maior capacidade para realizar probas PCR e, canto ás residencias de maiores, reclámanlle un maior control e organización sanitaria.

Noticias web

16/05/2020