CRTVG

Buscar

Paraugas e flores nos cemiterios nun día de Todos os Santos pasado por auga

Publicado o 01/11/2019 16:36

O ceo todo, convertido nun gris continuo; e a terra, de flores cuberta. Levamos máis de mil anos celebrando este día. "O costume de sempre. Acordarnos un pouquiño deles, que hai moitos que non se recordan". "E aquí vimos poñer o ramiño de flores aos nosos defuntos, que están aquí. Mañá outros viran poñérnolo a nós".

Porque a tradición pervive malia o tempo que escurece a mirada por momentos neste sorprendente cemiterio de Santa Comba. "É unha parroquia rica, con panteóns, e grandes".

O paraugas queda fóra do panteón. Son máis cores e formas para a arquitectura da memoria. Un evento social para os vivos a para os mortos. Un camposanto organizado en rúas con número, labiríntico e concentrado, coma a mente dos que lembran. "Aos meus defuntos todos". "Tamén nos gustaría que cando nós non esteamos o futuro se acodara de nós tamén".

Día de tenra lembranza, día en que se poden ver sorrisos no cemiterio, día de Todos os Santos en que ás veces se pensa en que é un santo. "O que é santo non é pecador".

E preguntamos se alguén coñece algún santo. "Personalmente non. En estatuas, moitos". "Os que ves pola igrexa. Pero non, non cheguei tan alá".

Os que van alá e os que os lembran dialogan na eterna calidez do recordo.

Noticias web

01/11/2019