CRTVG

Buscar

Outra testemuña desmonta o Chicle: Diana Quer estivo aboiando no pozo mínimo 20 días

Publicado o 19/11/2019 11:20

O achado de pupas de mosca baleiras no corpo de Diana Quer demostraría que o cadáver da moza estivo polo menos entre 20 e 22 días consecutivos flotando no pozo, ou ben 8 e 14 en fases alternas, un dato que desmonta a versión do único acusado, José Enrique Abuín Gey, que lle contou ao xuíz que quedara mergullado a mesma noite da morte.

A entomóloga Marisa Magaña Loarche, na sexta xornada da vista oral que acolle a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, botou por terra este martes o testemuño do único procesado neste caso pois coa súa declaración constatou que o cadáver tivo que ser contrapesado nunha segunda ocasión, ao ser mal lastrado nun inicio e emerxer.

Son catro as fases morfolóxicas, ovos, larva, pupa e adulto, e a científica explicou que o feito de que na melena de Diana Quer fosen atopadas "pupas baleiras" e outras "pupas que non estaban baleiras pero que estaban mortas" demostra fidedignamente e sen ningunha dúbida que esa especie cumpriu o que é o seu "ciclo completo", que dura arredor "duns vinte días".

Este proceso, apostilou, non puido darse no fondo do silo de dez metros de profundidade onde estivo Diana durante case 500 días.

A razón é que o mesmo só se pode desenvolver na superficie debido a que a especie achada nesas  pupas e que adoita chegar "moi ao principio, cando o cadáver está nos seus primeiros momentos" resulta que "necesita osíxeno" e "non é acuática".

Por iso, a experta defendeu por videoconferencia e baixo a atenta mirada do xurado popular que o corpo puido estar flotando polo menos vinte días antes de ser lastrado con éxito, unha circunstancia que corroboraría a versión achegada por dous axentes de Criminalística que testificaron no xuízo que o Chicle primeiro puido empregar sen éxito un cable feble e logo outro máis robusto, eficaz e con dúas asas.

A entomóloga deixou claro que "a especie estaba no pelo; e o pelo estivo fose da auga para que esa especie puidese desenvolverse".

Do achegado por esta profesional dedúcese que no primeiro intento que fixo o Chicle quedaría flotando a cabeza de Diana, polo que este apuntamento sería compatible coa súa declaración de que a sentou para introducila e permanecera flotando a súa cabeza, pero cando foi localizada o 31 de decembro de 2017 estaba en cambio coa cabeza boca abaixo e dentro era imposible que dese a volta, polo que necesariamente tería que producirse ese segundo lastrado.

Forenses descartan no Chicle unha alteración psiquiátrica e non ven sufrimento

Forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), dous médicos e dúas psicólogas, declararon este martes que José Enrique Abuín Gey non padece alteración psiquiátrica algunha que inflúa no seu comportamento e non aprecian sufrimento psíquico nel.

"El mesmo díxoo, que estaba ben", sinalou unha das expertas na sexta sesión da vista oral na cal explicou que o crime non produciu nel unha tensión postraumática e que ten facultades cognitivas e volitivas plenas, por tanto non está alterada a súa capacidade para comprender.

As psicólogas non realizaron un perfil sobre o acusado e si un informe sobre a súa imputabilidade, que data de 2018, no que se conclúe que o Chicle era responsable das súas accións.

Determinaron tamén que presenta resentimento, que responde con rancor, pero que en cambio é capaz de controlar a súa ira, de gardar e "diferir de fronte ao futuro", de non actuar  compulsivamente e si de ter unha conduta tardía.

De feito, as psicólogas puxeron como exemplo que el mesmo chegou a dicirlles que nunha ocasión esperou un ano para romperlle os dedos a alguén que se meteu coa súa parella.

Ademais, detectaron nel un trastorno obsesivo compulsivo, así como susceptibilidade ("facilmente se sente ofendido"), intolerancia, falta de empatía e, así mesmo tendencia á atribución externa de responsabilidades.

Contaron que el chegou a declarar: "Tiven unha situación horrible que fan que me senta culpable", pero en cambio non viron tensión postraumática nin "sufrimento emocional" no Chicle tras a morte de Diana en agosto de 2016. 

A familia de Diana ten trastorno depresivo severo e o dano é irreparable

O empresario Juan Carlos Quer e Diana López-Pinel, pais de Diana Quer, sofren un trastorno depresivo severo e importante polo asasinato da súa primoxénita, Diana, e a filla menor, Valeria, a parte de tal padecemento ten tensión postraumática, polo que continuamente revive o crime da súa irmá.

É o que contou Patricia Alcalá, médico especialista en valoración de dano corporal con vinte anos de experiencia, na sexta sesión da vista oral que acolle a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela.

Ela é a especialista que fixo un primeiro informe sobre a familia a pedimento da acusación particular e contou á sala que a "espera agónica" polos 496 días que estivo Diana Quer no silo  cilíndrico sen que se soubese do seu paradoiro foi "terriblemente" daniña e interpretada ademais como "un capricho".

"Cando se baixe o pano e se apaguen as luces, aos tres quedaralles a soidade. E o trastorno depresivo será máis grave e con moita complicación para superalo algunha vez na súa vida", expuxo. "Vivir con todo isto, iso é imposible", detallou.

Esta experta relatou para apoiar tal argumentación que antes todos eles facían unha vida normal e que a desfeita se vai a "agravar" cando se faga xustiza, batalla que os mantén en pé.

Manifestou así mesmo que estes pais, separados, teñen un dobre "sufrimento" pola súa filla  Valeria, que non sente dor física algún porque o emocional é "tan forte" que non sofre nin sequera cando, tal e como se contou nesta vista oral, se autolesionó gravemente. "Valeria está terriblemente descompensada", subliñou.

A avogada defensora, Fernanda Álvarez, expuxo que nunca cuestionou a dor, polo que renunciou a facer preguntas. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019