CRTVG

Buscar

Dez días de busca en Porto do Son dos mozos desaparecidos

Publicado o 16/07/2020 21:18

Hoxe é o día do Carme, data sinalada para a xente do mar, pero malia a festa mariñeira seguen buscando os dous rapaces desaparecidos na costa de Portosín. O forte vento é o maior atranco que teñen as embarcacións que rastrexan dende Baroña a Aguieira.

Tamén segue a busca por terra e aire. A Salvamar Regulus rastrexa na busca dos corpos Miguel e Javier cando se cumpren dez días da súa desaparación tras envorcar a canoa na que saíran ao mar.

Ademais, colabora unha embarcación do servizo de Gardacostas María Pazos, de Porto do Son, e mariñeiros e voluntarios que están a botar unha man no que poden. Mentres, un avión de Salvamento Marítimo percorre a ría de Muros-Noia ata mar aberto.

Unha busca que se ve dificultada polo vento do nordés, que complica a navegación, sobre todo preto da costa.

"Hai moito nordés e fumos dar unha voltiña a ver se aparecían. Imos sair outra vez pero hai moitísimo vento está a cousa moi mal, complicada. Difícil de arrimarse as pedras porque ven moito vento que como che falle o motor pois, telo negro. Pero bueno imos tomar un café e sair nun anaco. Nós saímos do Son e fumos ata Aguieira viñemos un pouquiño polo medio da ría. E agora imos sair cara o sur a Ouriceira, un pouquiño máis preto da costa, como os barcos grandes están máis aforados, imos pegadiños a costa. Aínda que hai nordés a cousa está complicada pero ímolo tentar a ver se hai sorte no día de hoxe.", conta un mariñeiro.

A partir do noveno día é cando habitualmente os corpos aboian se non quedaron atrapados nalgún burato ou en aparellos.

Porén, pode demorarse uns catro días dependendo das características físicas da persoa e da temperatura da auga, que neste caso está fría debido ao nordés forte das dúas últimas semanas, unha circunstancia que pode atrasar o achado dos corpos.

Noticias web

16/07/2020

Máis sobre Porto do Son