CRTVG

Buscar

Detidos tres homes en Barbadás polo asalto, secuestro e ameazas a un home en Chantada

Publicado o 05/02/2019 13:21

Un suposto axuste de contas rematou con tres detidos en Ourense acusados de agredir, roubar e deter ilegalmente un veciño de Chantada. A Garda Civil rexistrou tres pisos, dous na cidade de Ourense e un en Barbadás, e incautouse de droga, munición e diñeiro en efectivo.

De xeito simultáneo e co apoio do Grupo Especial de Reserva e Seguridade da Garda Civil de Pontevedra, os axentes rexistraron unha vivenda deste edificio da Valenzá e outras dúas no barrio ourensán do Couto. Empezaron cedo, ás seis e media da mañá, pero os rexistros prolongáronse, nalgún caso, ata preto do mediodía. Segundo nos indicaron os veciños deste inmoble da rúa Erbedelo, levaban cans e entraron e saíron varias veces ata que, finalmente, abandonaron o lugar nun furgón.

Nos tres rexistros, incautáronse de 200 gramos de cocaína, útiles relacionados co tráfico de drogas e munición de distintos calibres. Tamén obxectos persoais dun veciño de Chantada que puxo os axentes sobre a pista ao denunciar un roubo con agresión o sábado pasado. Dixo que tres homes o meteran nun coche pola forza, e o obrigaron a acompañalos ata a súa casa, onde lle roubaron, supostamente, xoias e documentación ao tempo que o ameazaban de morte cunha arma, para reclamarlle unha débeda.

O xulgado número 1 de Chantada é o que instrúe o caso. Está previsto que os tres detidos, dominicanos de 25 e 37 anos, pasen mañá a disposición xudicial acusados de roubo con violencia e intimidación, detención ilegal, ameazas de morte con arma de fogo e tráfico de drogas.

Noticias web

05/02/2019