CRTVG

Buscar

Detidos seis homes dun violento grupo criminal que roubaba na Coruña

Publicado o 25/02/2021 11:24

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal perigoso dedicado ao roubo con violencia na provincia da Coruña. Foi tras a detención de seis homes de nacionalidade española, colombiana, brasileira, dominicana e venezolana.

A operación, denominada Dawisan, comezou en novembro de 2020, tras a interposición dunha denuncia nas dependencias da Garda Civil de Oleiros. Un home aseguraba que catro individuos o asaltaran no seu domicilio de Santa Cristina.

Segundo o relato da vítima, logo de atarlle as mans, amordazalo e agredilo de xeito violento durante media hora, conseguiron roubarlle baixo ameazas preto de 8.000 euros.

No transcurso da investigación, A Garda Civil identificou un  mozo de nacionalidade brasileira que podería ter actuado como "conseguidor", situando o domicilio da vítima e franqueando a súa entrada durante o roubo.

O uso de chanzos intermedios para comunicarse, dificultou a identificación inicial dos autores materiais do delito. Porén, a Benemérita rematou por descubrir progresivamente a estrutura criminal e detivo tres persoas nunha primeira fase.

Días antes do arresto, cometeran un novo episodio violento. Dacordo co relato das forzas de seguridade, citáronse cun home, metérono pola forza no maleteiro do coche, pegáronlle unha malleira e abandonárono no monte. Alí roubáronlle o vehículo e os efectos persoais.

Na mañá do 22 de febreiro, a Garda Civil culminou a operación coa detencións dos tres integrantes "máis violentos e perigosos" do grupo.

A investigación, dirixida pola titular do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña, acordou o ingreso en prisión provisional sen fianza para os tres últimos detidos aos que se lles imputan os delitos de pertenza a grupo criminal, roubo con violencia, detención ilegal e lesións.

A maioría dos arrestados tiñan antecedentes por feitos similares.