CRTVG

Buscar

Detidos catro veciños de Pontevedra con case nove quilos de haxix ocultos en dous vehículos en Badaxoz

Publicado o 13/11/2019 16:33
Detidos catro veciños de Pontevedra con case nove quilos de haxix ocultos en dous vehículos en Badaxoz

A Garda Civil interveu en Calzadilla de los Barros (Badaxoz) case nove quilos de haxix ocultos en dobres fondos de dous vehículos e detivo catro veciños de Pontevedra por un presunto delito de tráfico de drogas. Na madrugada do pasado luns, en dispositivos de servizo establecidos para a prevención do tráfico de sustancias estupefacientes na estrada A-66 dentro do termo municipal de Calzadilla de los Barros, os axentes interceptaron dous turismos.

No transcurso da identificación dos condutores e ocupantes, catro veciños de Pontevedra, o forte cheiro que desprendía o interior dos vehículos fixo sospeitar aos axentes de que estes poderían transportar oculto haxix. Na inspección das súas pertenzas, descubriron diferentes dobres fondos practicados en ambos  vehículos, onde ocultaban 90 tabletas da devandita sustancia, cun peso total de 8,9 quilos. Así, segundo informou a Garda Civil en nota de prensa, desta droga poderíase obter no mercado ilícito unhas 36.000 doses, polo que os catro pontevedreses foron detidos por un delito contra a saúde pública.

Tras a detención dos supostos autores da acción delituosa, púidose pescudar que a droga intervida supostamente procedía do sur da Península e o seu destino para a distribución e venda sería a Comunidade galega. As dilixencias xunto cos detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución de Zafra (Badaxoz), quen decretou o ingreso en prisión dun deles.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí