CRTVG

Buscar

Ingresan en prisión preventiva os catro acusados de violar unha moza en Alacante

Publicado o 05/01/2019 21:16

A Garda Civil investiga a posibilidade de que os catro homes que violaron, presuntamente, unha rapaza de 19 anos en Alacante agredisen antes outras mulleres. Os catro permanecen desde onte en prisión preventiva sen fianza.

A violación produciuse, supostamente, no baixo dunha vivenda de Callosa d'en Sarrià, onde os catro detidos e veciños desta localidade alacantina levaron a vítima na madrugada do día 1. Unha familiar dun dos mozos atopounos e acudiu á Policía Local.

Os axentes prenderon tres dos homes no lugar e o cuarto levárono pouco despois. Á moza trasladárona ao hospital con dores e desorientada. Segundo a investigación, dous dos detidos coñecíana. Atopárona en Benidorm celebrando a fin de ano e propuxéronlle seguir de copas na casa dun coñecido da nai dela. Alí, supostamente, empezaron os abusos, pero un dos inquilinos da casa deuse de conta e puxo fin á festa, momento en que os catro homes marcharon para Callosa coa moza, que ao parecer xa non se tiña en pé.

Os presuntos violadores, de 19, 21, 22 e 24 anos, están en prisión provisional sen fianza. Un ten antecedentes por violencia machista e abusos sexuais a unha menor e desde que os prenderon, a Garda Civil localizou outra muller que denunciou que tamén abusara dela en outubro. De feito, investígase se antes da agresión de Callosa o grupo fixera o mesmo con outras dúas mulleres e non se descarta que haxa máis vítimas.

Noticias web

05/01/2019