CRTVG

Buscar

Detido un vigués por agredir a súa irmá tras unha rifa por un terreo familiar

Publicado o 12/08/2019 17:20
Detido un vigués por agredir a súa irmá tras unha rifa por un terreo familiar

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, de 41 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia doméstica, por agredir á súa irmá no transcurso dunha rifa por un terreo familiar.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde do pasado venres, cando un particular chamou á Policía porque se estaba producindo unha agresión nun domicilio da parroquia de Beade. Cando chegaron ao lugar os axentes, un home relatoulles que mantivera unha discusión co seu primo, que se presentou na súa casa xunto coa súa filla menor, e increpouno polo uso que se estaba facendo dunha vivenda que hai no terreo familiar (non estaba de acordo con que se alugue dita vivenda). Este home comezou a elevar o ton e a súa agresividade, e a golpear os mobles da casa do seu primo. Alarmada polo ruído, presentouse alí a irmá, quen lle recriminou a súa actitude e, ao ver que o home estaba fóra de si, refuxiouse nunha habitación para chamar á Policía.

Ao ver isto, o agora detido foi á habitación e golpeou á irmá, agarrouna polo pescozo e propinoulle varias puñadas, á vez que a ameazaba de morte. Finalmente, o outro home (primo do detido) logrou interpoñerse e o agresor abandonou o lugar coa súa filla, que fora testemuña dos feitos e choraba desconsoladamente.

Os axentes localizaron ao sospeitoso no seu domicilio e este recoñeceu os feitos. Mentres, a muller agredida foi trasladada a un centro médico, e expresou a súa vontade de interpoñer denuncia. O detido xa fora arrestado na primeira semana de agosto polas mesmas causas.

Noticias web

12/08/2019