CRTVG

Buscar

Detido un dos supostos responsables da matanza de nove persoas no estado mexicano de Chihuahua

Publicado o 06/11/2019 13:07

Hai un sospeitoso detido e á medida que avancen as investigacións poderase saber se a matanza de tres mulleres e seis meniños no norte de México foi un erro ou obedeceu a algún tipo de vinganza. 

As autoridades relacionan o crime cos cárteles da droga e aseguran que non haberá impunidade. Mentres, Donald Trump ofrece axuda a México. Os nove falecidos tiñan dobre nacionalidade.

Os familiares das nove vítimas examinan os coches incinerados. As tres condutoras das tres camionetas e seis dos seus fillos, foron asasinados a tiros cando percorrían unha pista de terra no estado de Chihuahua, onde acudían a unha festa familiar. Máis de duascentas vaíñas de bala, contaron os peritos. Unha emboscada e unha descarga de disparos que xa investigan as autoridades. As vítimas pertencen ao clan mormón dos LeBarón, coñecidos no norte de México polo seu activismo contra os cárteles da droga e tamén por algunhas desputas pola auga cos agricultores da zona. Teñen dobre nacionalidade e esíxenlle a México que investiguen o crime ata o final.

Donal Trump ofreceu axuda ao Goberno mexicano, pero López Obrador di que non precisa inxerencias, aínda que estudará a posible colaboración. As primeiras hipóteses apuntan a que o crime se produciu por un erro e como consecuencia do enfrontamento entre os Carteles da Liña e do Pacífico, que horas antes tiveran unha refrega polo territotorio co resultado doutras dúas persoas falecidas.


 

Noticias web

06/11/2019