CRTVG

Buscar

Detido un cambadés por estragar máis de 300 cepas de albariño dun veciño co que está a mal

Publicado o 26/09/2019 18:13

Un veciño de Castrelo, no concello de Cambados, encontrouse da noite para mañá con que as cepas de albariño dunha das súas propiedades estaban cortadas limpamente polo talo. En total, máis de 300 plantas estragadas a primeiros de mes, nas datas previas á vendima. Xa lle pasara outras veces e o dono tiña instalada videovixilancia sobre o terreo, polo que a imaxe do individuo cortando unha cepa tras outra quedou rexistrada en vídeo.

Os donos denunciaron o sucedido ante a Garda Civil proporcionando a gravación. Iso propiciou a detención, o home compareceu ante o xuíz e este deixouno en liberdade coa obriga de volver ao xulgado cando sexa requirido. Os danos foron valorados en 6.000 euros, no que se refire á perda da colleita, pero a iso habería que sumar as perdas duns cinco anos ata que unha nova plantación estea produtiva.

Os damnificados xa denunciaran por outros estragos intencionados o individuo agora investigado, pero non puideran achegar probas evidentes. Desta volta, ademais, tamén arramplou con cepas da leira lindeira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/09/2019