CRTVG

Buscar

Detido na Coruña o xefe dun grupo especializado en estafas inmobiliarias que estafou 156 vítimas

Publicado o 08/07/2020 19:09
Detido na Coruña o xefe dun grupo especializado en estafas inmobiliarias que estafou 156 vítimas

A Policía Nacional desarticulou un grupo criminal especializado en estafas inmobiliarias que se fixo con máis dun millón de euros estafando 156 vítimas ás que ofrecían a compra de inmobles a baixo prezo nas provincias de Madrid e Toledo.

Os tres detidos (o xefe da trama e os seus dous lugartenentes), xunto cunha cuarta persoa, finxían ser empresarios que dispoñían de máis de 40.000 inmobles procedentes de entidades bancarias, informou a Policía Nacional en nota de prensa.   

Con esta artimaña, contactaban con inmobiliarias legalmente establecidas ás que achegaban documentación falsa, dando así maior credibilidade ao engano e, a través delas, ofrecían a venda a particulares apropiándose do sinal que entregaban para a compra.   

A operación Fuenteovejuna comezou en marzo de 2019 cando catro vítimas de Toledo puxeron en coñecemento da Policía Nacional que un coñecido lles ofrecera a compra de vivendas por un prezo moi vantaxoso, co único requisito de aboar un sinal de 1.000 euros.   

Estes primeiros datos conduciron os investigadores ata unha asesoría de Toledo, a través da cal os estafadores estaban a comercializar as vivendas, o que permitiu identificar as primeiras 26 vítimas.   

Días despois, detectouse a existencia de 130 vítimas máis, que foran captadas polo grupo criminal utilizando os servizos doutra axencia inmobiliaria, esta vez situada en Fuenlabrada (Madrid).   

Co xefe da trama e os integrantes do grupo plenamente identificados, os axentes lograron deter os seus dous lugartenentes, resultando ademais investigado un cuarto membro do grupo.

O xefe foi detido na Coruña

Con todo, o principal responsable atopábase en paradoiro descoñecido desde finais de 2019, aínda que existían sospeitas de que podería ocultarse na Coruña.   

Para lograr a súa detención, as brigadas provinciais de Toledo e A Coruña estableceron un dispositivo que lle seguiu a pista durante seis meses, conseguindo o seu arresto o pasado mes de xuño.   

Ademais de imputarlle os delitos de pertenza a grupo criminal, delito continuado de estafa e falsificación de documentos mercantís, constábanlle diversas reclamacións xudiciais pola súa presunta participación en estafas similares, polo que despois de pasar ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda da Coruña, decretouse o seu ingreso en prisión.   

As indagacións sobre a contorna do líder do grupo criminal, revelaron que o seu patrimonio sufrira un incremento inusual que superaba os 10 millóns de euros e que deseñara unha trama de empresas tras a que ocultaba 351 inmobles valorados nuns 12 millóns e 52 vehículos, a maioría de alta gama.   

Na operación Fuenteovejuna participaron as brigadas provinciais de Policía Xudicial de Toledo e A Coruña, así como a Brigada Local de Policía Xudicial de Alxeciras.