CRTVG

Buscar

Detidas seis mulleres na Coruña acusadas de roubar en vivendas

Publicado o 05/11/2020 13:22

A Policía Nacional detivo seis mulleres acusadas de cometer varios roubos con forza en vivendas na Coruña. Supostamente, asaltaron pisos das zonas de Adormideiras, praza de Pontevedra e nos Cantóns. Trátase dunha operación desenvolvida nos últimos catro meses, en que desarticularon tres células integradas cada unha delas por dúas mulleres. 

As primeiras detencións producíronse o pasado mes de xullo, en Adormideiras. Foron arrestadas nas proximidades do edificio no que persuntamente roubaran e a policía considéraas autoras de diversos roubos en vivendas da cidade. Outras dúas mulleres, que empregaban o mesmo método de roubo, foron detidas en setembro ao ser localizadas nas escaleiras dun edificio da praza de Pontevedra, cando tentaban forzar a porta de acceso a unha vivenda.

E recentemente, en outubro, a Policía Nacional detivo dúas mulleres máis como presuntas autoras de sete roubos en domicilios durante unha fin de semana.

Para perpetrar os roubos, supostamente, forzaban as portas de acceso ás vivendas con diversas ferramentas. Antes de actuar, as presuntas ladroas chamaban de forma insistente aos timbres, tanto aos do portal como aos das vivendas, para comprobar que non había ninguén no interior. Tamén esperaban nas escaleiras ata que escoitaban a un veciño saír da súa casa, momento que aproveitaban para acceder ao domicilio.

As detidas utilizaban o método coñecido como do esvarón en vivendas que non quedaban pechadas con chave ou forzaban a fechadura nas que si estaban pechadas. O método do esvarón consiste en abrir unha fechadura cunha lámina de plástico, como pode ser unha radiografía ou unha tarxeta de crédito. O nome vén de que os ladróns escorregar o plástico entre o marco da porta e o fecho. Deste xeito, a porta ábrese sen necesidade de forzar a fechadura, polo que resulta silandiro e, por tanto, moi atractivo para os delincuentes.


 

Noticias web

05/11/2020