Os nove detidos nunha operación contra o narcotráfico no Salnés agardan pasar a disposición xudicial
• Entre os detidos nesta operación que aínda segue aberta está o cambadés Manuel Osorio
Imaxes cedidas por Iñaki Abella, 'Faro de Vigo'
A operación continúa aberta e baixo segredo de sumario dende que onte pola mañá levaran a cabo rexistros exhaustivos por parte dos corpos especiais da Garda Civil, que acabaron con nove persoas detidas á espera de seren enviadas a Madrid para pasar a disposición xudicial, segundo declaracións á Televisión de Galicia.
Estas detencións serían a continuación dunha investigación iniciada en Valencia e Portugal, e con elas desartellaríase unha presunta organización dedicada ao tráfico de drogas que movería cantidades de cocaína por valor duns 18 millóns de euros.
Os equipos de investigación revisaron a fondo varias vivendas do centro de Vilanova, un taller de coches e mais un garaxe do edificio Lara en Vilagarcía, e tamén as instalacións dunha antiga depuradora no Facho e unha vivenda situada na rúa Ourense, en Cambados.
Precisamente neste último rexistro detiveron o que estaría á fronte desta rede de narcotráfico, Manuel Osorio, coñecido das forzas de seguridade dende a operación Campión que tivo lugar no 2011.