CRTVG

Buscar

Detida unha muller de 83 anos acusada de raiar, polo menos, 17 coches no Grove

Publicado o 11/06/2020 10:53

A Garda Civil detivo unha muller de 83 anos de idade por un delito de danos continuado no Grove (Pontevedra) despois de que a octoxenaria raiara, polo menos, 17 vehículos aparcados e lles causase danos de consideración.

A Garda Civil detivo unha muller de 83 anos de idade por un delito de danos continuado no Grove, acusada de raiar, polo menos, 17 vehículos que estaban aparcados.

Segundo informou a Garda Civil, iniciaron esta investigación tras o coñecemento "da alarma social e a preocupación xeneralizada que se estaba suscitando" a raíz da existencia duns danos causados a vehículos estacionados durante os dous últimos meses nunha céntrica rúa da localidade.

Segundo as investigacións realizadas, e a teor das denuncias recibidas ata o momento, existe constancia de 17 vehículos prexudicados. Todos eles presentan "danos de consideración carrocerías, con raiados  producidos con algún obxecto punzante", subliña a Benemérita, "algúns deles de considerables dimensións,  en portas, aletas, capós e maleteiros, sen ningunha rotura de accesorios ou aboladuras".

Coa colaboración cidadá, e tras as investigacións, os efectivos do posto da Garda Civil do Grove localizaron a presunta autora dos feitos, unha muller de 83 anos, que vive no mesmo barrio onde se produciron os danos, polo que foi detida por un delito continuado de danos. Debido á súa avanzada idade, a muller quedou en liberdade na sede policial, coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirida. As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Cambados.