Deteñen un home tras matar a súa muller en Castellbisbal (Barcelona)
Axentes dos Mossos d'Esquadra da División de Investigación Criminal (DEC) indagan as circunstancias da morte dunha muller esta noite na localidade barcelonesa de Castellbisbal (Vallès Occidental).
Investiguem la mort d'una dona a Castellbisbal, el presumpte autor està detingut https://t.co/7MMJem1tiD pic.twitter.com/aUSmLs48Nc
— Mossos (@mossos) November 1, 2019
O home, de 52 anos, presentouse este xoves contra as once da noite na comisaría da Policía Local e confesou que a matara. Varias dotacións policiais desprazáronse ao lugar dos feitos, unha masía do concello barcelonés de Castellbisbal, onde atoparon o corpo sen vida da muller. Pouco transcendeu do ocorrido. O presunto asasino, de nacionalidade española e veciño da localidade, está detido e os Mossos investigan as circunstancias da morte. Segundo fontes xudiciais, non constan antecedentes de violencia entre a parella, que tiña varios fillos en común.
De confirmarse oficialmente este novo caso como un asasinato machista xa serían 51 as mulleres mortas polas mans da súa parella ou ex-parella no que vai de ano. 1027 desde que comezaron os rexistros en 2003. Amais, a violencia machista deixou 41 menores orfos.