CRTVG

Buscar

Deteñen un home na Coruña buscado por dous asasinatos cometidos en Turquía

Publicado o 01/06/2020 15:45

Axentes da Policía Nacional detiveron na Coruña un cidadán turco relacionado con dous asasinatos perpetrados en Turquía por un axuste de contas relacionado co tráfico de heroína, segundo informaron fontes policiais.

Os feitos relacionados co agora detido ocorreron en novembro de 2017, cando dous pistoleiros abateron a tiros dúas persoas nunha cafetería de Istambul, ademais de disparar tamén contra un terceiro que estaba con eles naquel momento.

Nun comunicado, a Policía Nacional detalla que o arrestado vivía nunha casa de campo nunha localidade da Coruña, da que apenas saía e na que foi arrestado por axentes do Grupo de Operacións Especiais ( GOES).

Os investigadores seguían a pista dun cidadán turco do que se cría que podía estar a comercializar en España importantes cantidades de heroína. Inicialmente, tiveron constancia da presenza deste home na provincia de Málaga, pero despois desprazouse á provincia da Coruña.

A orde de detención a efectos de extradición foi ditada o 18 de decembro de 2019 polas autoridades xudiciais de Turquía. Segundo explica a Policía, o arrestado supostamente planificaba con outro individuo o asasinato de dous suxeitos que asaltaran a vivenda deste último para roubarlle heroína.

Os investigadores lograron localizar ao arrestado nunha casa de campo da provincia, da que non saía. Por iso solicitaron unha orde xudicial para entrar na vivenda, como así fixeron.

O detido foi posto ao dispor do Xulgado Central de Instrución da Audiencia Nacional, cuxo titular decretou o seu ingreso en prisión.