CRTVG

Buscar

Deteñen un home con medio quilo de heroína en Valadares

Publicado o 14/07/2020 15:47

Dende mediados do mes de xuño, a Policía Nacional de Vigo vixiaba unha vivenda da zona de Sobreira, en Valadares. Tiñan constancia de movemento de compradores e pequenos distribuidores de droga, coa inseguridade que iso lles causaba aos veciños da zona. Normalmente os consumidores achegábanse á casa, falaban uns minutos co propietario, facían o intercambio e marchaban apresuradamente.

Outras veces era o propio vendedor o que se desprazaba a distintos puntos da provincia para distribuír a droga. Sempre adoptaba medidas de seguridade e tiña especial coidado para evitar ser detectado, por iso os axentes tiveron que elaborar un amplo dispositivo nos arredores do domicilio.

Cando o detiveron levaba enriba 60 doses de heroína e na casa atoparon outro medio quilo, ademais de 17.000 euros en efectivo, haxix e outros obxectos usados para distribuír as drogas.

O detido, que tiña 12 antecedentes por feitos similares, pasou xa a disposición xudicial. A Policía lembra que hai un correo electrónico no que se pode comunicar de xeito anónimo a existencia de calquera punto de venda de drogas. O enderezo é antidroga@policia.es

Noticias web

14/07/2020