CRTVG

Buscar

Deteñen un sobriño de Manuel Charlín tras fuxir dun atropelo mortal en Vilanova

Publicado o 18/11/2020 15:17

A Policía Local de Vilanova de Arousa detivo o autor dun atropelo mortal na vila, un veciño deste municipio que ao parecer tiña antecedentes. O atropelo conmocionou os veciños da vítima. Algúns deles mesmo presenciaron os feitos.

O detido é un home, de 44 anos e sobriño do patriarca do clan dos Charlíns, que xa conta con antecedentes policiais por outro accidente mortal e condución temeraria. Agora está acusado dun delito de homicidio por imprudencia e omisión de socorro.

Ao parecer a muller atropelada saía da misa e cando foi cruzar fronte á igrexa parroquial por un paso para peóns foi atropelada por un turismo que ignorou a sinalización.

Desde a Policía Local de Vilanova, José Luis Maquieira explica que a muller falecera e que o condutor xa escapara cando chegaron os axentes.

O vehículo arrastrouna varios metros e non se puido facer por salvarlle a vida. Segundo as testemuñas do atropelo, o condutor circulaba a gran velocidade. Aínda así, puideron identificalo.

"As testemuñas que hai aseguran que ía a moita velocidade, por iso non foi doado determinar claramente nin a persoa que conducía nin o modelo de vehículo", asegura o policía.

Porén, a investigacion policial deu o seu froito e, nas últimas horas, o condutor foi detido. Confesou ser o autor dos feitos e permanece no cuartel da Garda Civil de Vilagarcia á espera de pasar a disposción xudicial.

Noticias web

18/11/2020