CRTVG

Buscar

Deteñen 19 persoas e interceptan un veleiro con 5,1 toneladas de haxix

Publicado o 04/06/2020 14:56

• Fixeron rexistros domiciliarios en Cataluña e na localidade de Cambados

Cambados está de novo no centro dunha operación da Garda Civil que permitiu intervir un veleiro que navegaba preto do Senegal con 5,1 toneladas de haxix. Hai 19 detidos dunha rede de transporte de grandes cantidades desta droga polo mar Mediterráneo, logo de 20 rexistros en Cataluña e Galicia.

Os arrestados, que se amparaban na navegación en augas internacionais para dificultar a intervención policial, actuaban en Pontevedra e noutras provincias españolas, ademais, de en países como Italia, Libia, Marrocos, Guinea Bissau, Senegal ou Túnez, segundo informa a Dirección Xeral da Garda Civil.

Os axentes practicaron 20 rexistros domiciliarios en inmobles de varias localidades das provincias de Barcelona e Xirona, ademais de en Cambados (Pontevedra).

Neles, incautáronse dun vehículo que fora subtraído en Marsella (Francia) o pasado mes de novembro e que levaba matrículas falsas. O vehículo estaba en poder dun dos líderes da organización que, segundo informa o instituto armado, montara no seu domicilio unha plantación de marihuana.

Tamén foron intervidos útiles para a distribución da droga e terminais para comunicación  encriptada. 

A operación, denominada Ygara, iniciouse o ano pasado cando a Garda Civil detectou en Palma de Mallorca un veleiro que podería estar a ser utilizado para transportar droga.

Durante as investigacións os axentes constataron a existencia da estrutura delituosa.

A Garda Civil realizou actuacións conxuntas con forzas de seguridade de Italia e Senegal e froito desta cooperación foi abordado o veleiro da organización, que levaba 5.140 quilos de haxix, polo que se procedeu á detención dos tres tripulantes, dous deles colombianos e o outro español, que era o patrón da embarcación, sendo todos eles trasladados a Dakar.

Os tripulantes do veleiro tentaron desfacerse da mercadoría ao decatarse da presenza dos axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil e da Forza da Armada do Senegal.

Durante a operación, a Garda Civil fixo un seguimento constante do veleiro en que participaron medios aéreos e marítimos con intervención do Centro de Coordinación de Vixilancia de Costas e Fronteiras deste Corpo, co apoio da Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas (Frontex), e unidades para a abordaxe no mar.