CRTVG

Buscar

Deteñen catorce persoas que efectuaban roubos con forza en Galicia e Castela e León

Publicado o 24/06/2020 11:26

Deteñen 14  persoas integradas en bandas que se dedicaban a realizar roubos con forza en Galicia e  Castela e León. As detencións forman parte dunha operación conxunta da Policía Nacional e a  Garda Civil. Atribúenselles 100 delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

Crese que os detidos formaban tres grupos  criminais. Uns deses grupos é o responsable, din os  axentes, de varios  roubos en domicilios, para os que  adoitaban usar a violencia. Estaba liderado por un  home colombiano asentado en Lalín que era o responsable de marcar  as  vivendas para, posteriormente,  asaltalas e poder obter cartos en metálico e xoias. Despois, outros membros da banda vendían os obxectos de valor.

Outro dos grupos levaba a cabo roubos con forza en naves industriais e establecementos de  hostalaría, estaba asentado na cidade de Lugo. Roubaban vehículos, normalmente das marcas Seat, Audi ou Volkswagen, e usábanos como vehículos-ariete ou para desprazarse ata as naves en que querían  roubar. Chegaron incluso a subtraer camións das propias empresas para transportar a mercadoría roubada.

O valor do roubado supera os 200.000 euros. A investigación permitiu recuperar varios vehículos e un camión cun contido de 4.000 quilos de cobre. En total, os detidos roubaron 84.842 euros en efectivo e xoias por máis de 70.000 euros, ademais de bobinas de cobre por valor duns 200.000 euros. Levaron preto de 40 vehículos, recuperados na súa maioría con danos graves. 

O pasado martes efectuáronse cinco rexistros en catro vivendas dos supostos autores dos roubos e nunha do poboado do Carqueixo, en Lugo. Alí leváronse a cabo cinco detencións e os axentes incautáronse de dúas armas, cartuchos, ferramentas para os roubos, pezas de vestir, unha centraliña para desbloquear os vehículos roubados, documentación, 1.300 euros en metálico, 370 gramos de cocaína e 124 gramos de marihuana.