CRTVG

Buscar

Detectan unha estafa de venda por Internet de aparellos "milagreiros" contra o coronavirus

Publicado o 01/04/2020 11:09

"Potente aparello desinfectante, mediante a xeración de ozono, limpa totalmente as estancias percibindo un lixeiro cheiro a limpo". Así se anunciaba esta "axuda para previr o coronavirus" nun coñecido portal de venda entre particulares, que engadía na súa publicidade que o aparello en cuestión destrúe "bacterias, virus e fungos".

Trátase dunha das moitas estafas que está a detectar a Garda Civil en Internet e que nesta ocasión levou á localización e denuncia do suposto delincuente, un home de 60 anos residente na Rioxa, que xa vendera 21 destes aparellos "milagreiros" por 130 euros cada un.

Desde que comezou a alerta sanitaria por COVID-19 a Garda Civil vén inspeccionando numerosas páxinas web para detectar ciberdelincuentes e estafadores que usan como gancho o virus, aproveitarse da inseguridade e o medo que unha parte da poboación ten a sufrir contaxio.

Canle de comunicación cidadá

O Grupo de Delictos Telemáticos da Garda Civil habilitou unha canle para recibir informacón cidadá relacionada cos ciberdelitos relacionados coa pandemia de coronavirus. A través do correo electrónico ciberestafas@guardiacivil.org calquera persoa pode poñerse en contacto coas autoridades para informalas.