O gromo nunha empresa avícola de Cambados deixa xa case un cento de contaxios
• Sanidade realizou 173 probas a traballadores da planta e aos seus contactos directos | • Os contaxios estendéronse con rapidez tras detectarse os primeiros positivos hai algo máis dunha semana
Os primeiros casos do que é o maior foco da covid-19 rexistrado na comarca do Salnés detectáronse hai unha semana.
Segundo o Sergas, desde entón fixéronse 173 probas PCR entre os traballadores desta empresa situada no polígono industrial de Cambados e os seus contactos directos. Case un centenar deron positivo.
Son 96 persoas contaxiadas, das que 52 son traballadores e o resto familiares deles e amigos. Moitos son novos, de menos de 30 anos, e están asintomáticos ou con síntomas leves polo que teñen que estar confinados nos seus domicilios baixo supervisión médica.
"É un gromo que levamos estudando dende hai uns días, está monitorizado e acoutado aos circuítos na empresa. A maioría son asintomáticos e agora seguimos cribando o seu entorno", explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Hai familias en corentena nos municipios de Cambados, Vilagarcía, Vilanova, Meis ou Barro, e o Servizo de Epidemioloxía da área de Pontevedra-O Salnés non descarta que os positivos relacionados con este gromo sigan medrando nos próximos días. Avícola de Galicia tivo que reducir a menos da metade a produción habitual nestas instalacións onde procesan produtos cárnicos.
Esta fábrica empezou a funcionar o pasado 17 de agosto. Segundo a empresa, naquel momento os empregados pasaron tests de covid, que deron negativo. "Teñen uns protocolos sanitarios estritos, traballan con máscara e luvas, por iso cremos que é difícil que o gromo se orixinase na empresa", manifestou a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.
Despois da área sanitaria da Coruña, a de Pontevedra-O Salnés é a que acumula máis casos activos de coronavirus, case 800, e experimentou un gran crecemento neste mes de setembro.