CRTVG

Buscar

Detectan 23 novos casos positivos relacionados co brote da Mariña

Publicado o 08/07/2020 15:37

• Hai 144 casos activos de covid-19 na comarca e máis de 250 persoas recibiron a alta

• Burela restrinxe a dúas horas o tempo que se pode estar nas praias

O número de infectados no brote da Covid-19 detectado desde o pasado 23 de xuño na Mariña lucense, e que levou a confinar desde este luns este distrito sanitario con 14 municipios, aumentou a 144 casos activos, tras confirmarse outros 23 positivos. Do total, dez persoas están curadas e xa recibiron a alta. 

Os novos positivos elevan a 154 o número de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos servizos de Medicamento Preventivo e Saúde Pública.  O primeiro caso de infección por COVID-19 deste brote detectouse na tarde do martes 23 de xuño no municipio de Xove.

Sanidade destacou que a xornada deste martes foi unha das que "máis PCR vinculadas ao brote realizáron, cun total de 283 probas", que confirmaron "a existencia de 23 persoas positivas. As mesmas fontes sanitarias incidiron en que "todos estes positivos están relacionados co brote", o que, engaden, "permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de procura activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión".

Por parte da área sanitaria de Lugo lembran que desde a detección do primeiro positivo activouse "de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo", actuacións que "se seguen desenvolvendo nestes momentos", porque a Consellería de Sanidade e o Sergas "seguen investigando e rastrexando todos os contactos dos novos positivos", ademais de "adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote".

As mesmas fontes detallaron que dos 144 casos activos na Mariña "a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve" e, matiza, "teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días". Ademais, cinco persoas permanecen ingresadas no Hospital Público da Mariña e "a súa evolución é favorable".

Mentres, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesoradas pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os servizos de Medicamento Preventivo e Saúde Pública do Sergas.

Segundo os datos facilitados este mércores, "máis de 250 persoas recibiron a alta epidemiolóxica tras superar o período de illamento e non desenvolveren síntomas". A Consellería de Sanidade destacou que "segue investigando posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo".

Máis controis e máscara nas praias

Os controis seguen a ser moi intensos para comprobar que se cumpren as restricións de mobilidade nos 14 concellos da comarca. A máscara é obrigatoria na rúa e tamén nas praias, de feito localidades como esta de Burela decidiron restrinxir a dúas horas o tempo que se pode estar nos areais. Nas vindeiras horas decidirase se as medidas de restrición se suavizan ou non en función do afectadas que estean cada unha das zonas da Mariña.