CRTVG

Buscar

Detectados oito novos gromos na provincia de Ourense que suman 39 casos

Publicado o 21/09/2020 22:04
Detectados oito novos gromos na provincia de Ourense que suman 39 casos

As autoridades sanitarias informaron este luns da detección de oito novos gromos de coronavirus en distintas localidades da provincia de Ourense que suman 39 casos activos. En concreto, segundo fontes da área sanitaria, catro dos oito gromos foron detectados na cidade de Ourense. Un deles, con orixe nun encontro de amigos, afecta a nove persoas: cinco homes de entre 23 e 36 anos e catro mulleres de entre 24 e 28. Outro, tamén xurdido nun encontro amigable, afecta a tres mozos de 16, 18 e 23 anos.

Do mesmo xeito, en Ourense detectouse outro gromo con oito contaxios, de orixe familiar e social (seis mulleres de entre 35 e 94 anos, un home de 46 e un menor), e un cuarto foco con cinco casos activos: tres homes de entre 54 e 55 anos e dúas mulleres de 34 e 51. Por outra banda, as autoridades sanitarias informaron dun gromo con tres afectados en Oímbra, de orixe familiar, con dous homes de 84 e 60 anos e unha muller de 84 anos infectados. A muller, ademais, atópase ingresada.

En Verín, un gromo familiar deixa catro positivos, dous homes de 24 e 53 anos e dúas mulleres de 17 e 44; os mesmos casos activos que un foco detectado en Leiro —con positivos dun home de 43 anos, unha muller de 33 e dous menores.

Finalmente, un gromo familiar en Vilamarín afecta a un home de 40 anos e a dúas mulleres, de 70 e 40 anos.

Por outra banda, un dos brotes detectados na cidade de Ourense, que contaba con seis casos, ascende a oito, tras o positivo dunha muller de 61 anos e dun menor. É un foco de orixe social.