CRTVG

Buscar

Detectados dez casos de hepatite A por un andazo nun colexio de Lalín

Publicado o 18/02/2020 12:55
Detectados dez casos de hepatite A por un andazo nun colexio de Lalín

A Consellería de Sanidade detectou un total de dez casos de hepatite A vinculados a un colexio de Lalín (Pontevedra).

Os afectados son cinco nenos alumnos do CEIP Xesús Gomar, outra nena filla dunha profesora deste centro escolar e catro casos en adultos, todos eles pais de nenos afectados, segundo informou Miguel Álvarez, xefe do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Consellería de Sanidade en Pontevedra.

Ningún dos afectados tivo que ser hospitalizado, todos presentan sintomatoloxía leve e atópanse xa nos seus respectivos domicilios, onde deberán permanecer unha semana ata que desaparezan os síntomas.

Álvarez sinalou que neste caso do colexio de Xesús Gomar a infección vírica produciuse por "vía fecal oral".

Sanidade activou o protocolo correspondente neste caso, dado que se considera andazo cando se detectan dous ou máis casos, indicou o portavoz sanitario.

Como medida preventiva, Sanidade ofreceulles aos profesores do centro escolar lalinense, así como aos alumnos e aos pais destes a posibilidade de ser vacinados en dúas doses separadas polo menos seis meses.

Miguel Álvarez explicou que a vantaxe desta vacina contra a hepatite é que ten 'efecto rabaño', isto é, que as persoas que non se vacinan están protexidas polas que se vacinaron. Así mesmo, explicou que o nivel protector de anticorpos "dura polo menos máis de vinte anos".

Este especialista indicou que no 90 % dos casos en menores de seis anos este tipo de hepatite transcorre sen sintomatoloxía e que se traduce en perda de apetito, náuseas e malestar en xeral, aínda que en persoas adultas pode resultar máis grave.