CRTVG

Buscar

Unha ducia de comunidades teñen focos activos de coronavirus

Publicado o 26/06/2020 14:42

Nestes momentos hai 18 brotes activos de coronavirus en España. Localízanse en 11 comunidades autónomas.

En Galicia están os da Barbanza e A Mariña. No País Vasco hai brotes en Biscaia, con 50 casos, e Áraba. En Navarra, hai  56 afectados, a maioría vinculados a unha comida familiar. En Aragón, na provincia de Huesca, está unha das repuntas que máis preocupa. Hai 195 contaxiados por mor dun brote que se orixinou nunha explotación hortofrutícola de Zaidín.

Tamén hai brotes en Cataluña, Valencia, Murcia, Valladolid (en Castela e León) e Cáceres (en Estremadura).

En Andalucía está outra das repuntas que inquieta as autoridades sanitarias: o de Málaga, nun centro da Cruz Vermella con 89 casos detectados. Tamén rexistran brotes Granada, Cádiz, Almería e Huelva, e Forteventura, nas Canarias.

Aragón é a comunidade autónoma con máis novos contaxios por coronavirus, case un terzo do total, segundo o o último reconto facilitado polo Ministerio de Sanidade.

A maioría deses casos detectáronse na tres comarcas do sueste oscense, o Medio e Baixo Cinca e A Litera, afectadas por brotes activos e que retrocederon á fase dúas a principios de semana.

O resto corresponden ao foco detectado na comarca zaragozana do Baixo Ebro-Caspe.

En Andalucía, o concello onubense de Isla Cristina suspendeu durante 5 días todos os actos que puidesen provocar aglomeracións de xente polo brote rexistrado na veciña localidade de Lepe con oito positivos.

Outros dous focos, o de Málaga con 83 casos e outro en Granada con 9, están en fase de recollida de probas e identificación de contactos.

O Goberno valenciano confirmou sete contaxios de covid-19 polo brote rexistrado nunha empresa de produtos cárnicos da localidade de Rafelbunyol. 

En total, unha ducia de comunidades rexistran brotes da pandemia que obrigaron a activar os protocolos anticontaxio.

Noticias web

26/06/2020