CRTVG

Buscar

Tempos de condución e descansos, velocidade, alcohol e drogas; os camioneiros, baixo a lupa de Tráfico

Publicado o 14/10/2020 16:02

O transporte de mercadorías ten un peso importante no parque automobilístico, de feito camións e furgonetas son o segundo tipo de vehículos que máis circulan polas estradas despois dos turismos.

O garda civil Héctor Teixeira conta que "representan o 14% dos vehículos que circulan pola estrada e estamos falando de vehículos que no caso de sufrir un accidente as consecuencias, tanto se non son eles os causantes como se son os que provocan o accidente, son bastante grandes".

No ano 2018 tanto os camións coma os autobuses estiveron implicados en moitos dos accidentes con vítimas.

É por iso que durante toda esta semana a DXT está a realizar unha campaña especial de vixilancia.

"Estradas nacionais, autopistas e autovías van ser as principais, e despois no que máis imos incidir vai ser nos tempos de condución e descansos, que afectan directamente á seguridade vial, como no caso da falta de descanso no condutor, que pode provocar fatiga e accidentes. Tamén os elementos de seguridade do vehículo, tanto condicións técnicas como colocación da carga", explica Héctor Teixeira.

"Xunto con isto, velocidade, alcohol e drogas, e logo temas administrativos, documentación, que vaia todo en regla con seguros, etc, para que o transporte non incida na competencia desleal duns transportistas a outros que poidan non cumprir con estas normas", engade Teixeira.

Ademais dos axentes de Tráfico da Garda Civil, súmase tamén a esta campaña a Policía Local.

Noticias web

14/10/2020