CRTVG

Buscar

Madrid entra na lista de rexistro de viaxeiros, da que sae Portugal

Publicado o 06/08/2020 15:51

• O Sergas actualiza a listaxe de territorios de rexistro obrigatorio

Permítese o ocio nocturno na Mariña

 

A Consellería de Sanidade actualiza a listaxe de territorios de obrigado rexistro para viaxeiros que chegan a Galicia e que se publicou onte á tarde no Diario Oficial de Galicia.

Esta actualización vén xustificada pola evolución da situación epidemiolóxica tanto en distintas comunidades autónomas coma noutros países.

Entre as principais novidades a nivel nacional que recolle esta listaxe actualizada destaca a inclusión de Madrid, mentres que, pola contra, xa non será obrigatorio rexistrarse para os viaxeiros procedentes da Rioxa.

Continúan Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco. En canto aos cambios internacionais, cómpre sinalar a exclusión de Portugal, polo que as persoas procedentes do país veciño xa non estarán obrigadas a proporcionar os seus datos de contacto.

Galicia é a terceira comunidade autónoma con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días, de acordo cos datos que reflicte o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitaria do Ministerio de Sanidade.

Cómpre lembrar que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non. Deste xeito, Sanidade procura acadar un diagnóstico máis precoz de calquera infección polo virus, protexendo así a saúde dos cidadáns.

Aviso ao Sergas

As persoas que visiten Galicia terán un espazo de tempo de vinte e catro horas desde a súa chegada para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terá que realizar cada un dos viaxeiros.

Así, a Consellería de Sanidade publicará mañá, por primeira vez, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a listaxe dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica requira desta obriga, podendo ser tanto países extranxeiros coma outras comunidades autónomas. Neste sentido, a listaxe actulizarase quincenalmente, segundo sexa a evolución epidemilóxica de cadanseu territorio.

Para proporcionar esta información poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou facilitar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21.

A todos os viaxeiros faciltaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira, se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela.

Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.
A atención que se considere necesaria polos profesionais do Servizo Galego de Saúde non terá custo para as persoas que a precisen, incluíndo a realización de probas diagnósticas ou, no seu caso, dos tratamentos indicados.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida os seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao incio do proceso de venda dos billetes. Así mesmo, deberán facelo as empresas que despracen os seus traballadores por motivos laborais.