CRTVG

Buscar

Sanxenxo entra na listaxe de concellos con maiores restricións

Publicado o 18/11/2020 14:19

• Consulta as medidas no DOG

As novas restricións en Sanxenxo entrarán en vigor esta medianoite, do mércores para o xoves. O concello compartirá o seu peche perimetral co Grove. O comité clínico informou desta decisión a última hora de onte, e constatou o empeoramento da situación na localidade, con 77 casos activos e 162 persoas en seguimento por seren contactos deles.

Era unha decisión agardada, máis tendo en conta que municipios próximos levan xa días pechados, co que o comercio local xa notaba os efectos das medidas estritas sen telas decretadas para si.

Así que hoxe é o último día para sacar a terraza no emblemático paseo da praia de Silgar e no resto do concello. "Hai xente que vive ao día, que non se pode permitir o luxo de pechar, pero se é polo ben da poboación e para que baixen os casos...", asegura Dixon Albarracín, hostaleiro de Sanxenxo.

A medida cólleos en temporada baixa. Algúns xa estaban de vacacións e outros botan o peche con resignación, pero confiando en remontar para o Nadal.

Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, explica: "Levamos varios anos que fin de ano funciona moi ben en Sanxenxo, con establecementos que abren para esas datas, e temos a vista posta aí, a ver se ao final se pode traballar, e sempre coas medidas necesarias, claro".

O comercio non ten que pechar, pero moitos tamén o fixeron ante a ausencia de turismo, un sector que representa o 80 por cento do produto interior bruto deste concello: "Dos comercios, moitos xa non abriron despois da corentena e outros pecharon despois do verán", comenta unha veciña.

Ao peche da hostalería engádese, a partir da medianoite, o confinamento perimetral canda o concello veciño do Grove que os equipara a outros da súa contorna como Pontevedra e Vilagarcía.

"Un multiplica por tres, por catro ou por seis a situación. E se hai 77 hoxe en día aquí, xa me dirá que pode pasar se non se toman medidas!", reflexiona un veciño.

"A min gustaríame que estivese mellor e que se puidesen facer as cousas normais de sempre... Pero ao que máis medo teño é a estar confinada tres meses outra vez", di outra.

A área confinada entre Sanxenxo e O Grove abrangue unha poboación de preto de 30.000 habitantes.

Pero agora, o peche da hostalería será obrigatorio. Os encontros sociais, só entre conviventes, e non estará permitido saír do perímetro conxunto co Grove, a non ser que haxa unha causa xustificada.

Noticias web

18/11/2020