O comité de empresa pídelle unha prórroga de seis semanas a Alcoa
Os ánimos están cada vez máis quentes na negociación do futuro de Alcoa. Onte, a dirección nin sequera se presentou na reunión entre Goberno, Xunta, o comité e o novo comprador. Para esta mañá está convocada unha nova xuntanza.
De como se enfrontan a reunión desta mañá e sobre o que pasou onte falaba Paulo Carril, membro do comité de empresa do sindicato CIG.
Alcoa non asistiu a tarde pasada á mesa multilateral convocada polo Goberno para tratar de desbloquear a situación, unha vez que a multinacional estadounidense e o comité de empresa da fábrica de San Cibrao non chegaron a acordo rematado o período de consultas do ERE de extinción para 534 operarios (malia que estiveron reunidos durante case trinta horas).
Tras a xuntanza da mesa multilateral -celebrada por vía telemática- o Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia, CCOO, UXT e a CIG remitiron un comunicado aos medios amosando "de maneira conxunta" o seu apoio ao comité de empresa e o seu "compromiso de seguir traballando desde a unidade" para lograr que o proceso de compravenda da planta de San Cibrao "teña as certezas necesarias para que a operación sexa efectiva".
Din que entenden que "é a mellor forma de garantir" tanto o mantemento da actividade industrial coma dos postos de traballo na comarca da Mariña.
Unha prórroga de seis semanas
Hoxe pola mañá a dirección da compañía e os representantes dos traballadores teñen unha nova cita. E é que aínda non se asinaron as actas que certifican a falta de entendemento entre as partes.
"Non é de recibo que unha empresa como esta estea a manter unha situación de tensión e de despropósito enorme, poñendo en risco miles de postos de traballo e a continuidade dunha actividade industrial estratéxica", engade no escrito.
Carril confía en que a multinacional "se aveña a razóns e se abra á posibilidade de prorrogar en seis semanas o proceso, substituíndo a firma das actas de desacordo pola dunha acta sinxela na que se recolla a ampliación do período de consultas".
Este novo prazo serviría para posibilitar o inicio do proceso de venda da planta de aluminio de San Cibrao, no que participaría, en exclusiva, Liberty House Group, empresa pertencente ao conglomerado internacional Alliance GFG.
A proposta contempla a celebración dunha reunión semanal, a través dunha mesa multilateral, para manter puntualmente informados dos avances desas negociacións tanto á Comisión Representativa dos Traballadores como á Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria e os sindicatos CIG, CCOO e UXT.