CRTVG

Buscar

Descenden os novos positivos en Vigo, que segue a liderar o número de contaxios en 24 horas

Publicado o 20/11/2020 15:09

Segundo os últimos datos oficiais, a área sanitaria de Vigo suma 168 novos casos positivos confirmados por PCR. Son 114 menos ca na xornada de onte, en que se rexistraron marcas absolutas de contaxios.

É unha leve melloría que non impide que a área sanitaria viguesa encabece aínda o número de contaxios en 24 horas en Galicia.

Por iso hai preocupación entre a poboación. Algúns cidadáns non comprenden as dificultades que a área sanitaria de Vigo está a ter para reducir significativamente o número de contaxios, a pesar das restricións que están activas. Pensan que é moi importante non relaxarse.

O descenso dos casos positivos confirmados nesta última xornada pode estar relacionado tamén cun menor numero de das PCR realizadas. Na área sanitaria viguesa hai 2.380 pacientes con infeccion activa, 42 menos ca onte. Un total de 76 persoas están hospitalizados en planta e outras 24 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos.

20.000 persoas farán a proba en Vigo

Co obxectivo de facer fronte á pandemia, a área sanitaria de Vigo vai efectuar un cribado masivo a 20.000 persoas para detectar casos positivos que non presenten síntomas e que poden ser potenciais contaxiadores.

Será voluntario e realizarase a través dos centros de saúde. Esta fin de semana comezarán as primeiras dúas mil probas.

Noticias web

20/11/2020