CRTVG

Buscar

Descenden os casos activos (-127) e a presión hospitalaria en Galicia

Publicado o 27/11/2020 14:18

• As hospitalizacións baixan das 500 por primeira vez dende o 1 de novembro

• Baixan os casos activos en todas as áreas, agás en Ferrol (+30)

Os casos activos en Galicia baixan ata os 8.452 (-127), logo de rexistrar 426 novos contaxios, segundo os últimos datos do Sergas. Así, Galicia mantén unha suave tendencia global cara ao descenso.

Esta é a repartición dos casos activos por áreas sanitarias:

• Vigo: 2.268 (-40)
• A Coruña: 1.724 (-19)
• Pontevedra: 1.200 (-14)
• Lugo: 1.060 (-25)
• Santiago: 930 (-18)
• Ourense: 533 (-41)
• Ferrol: 737 (+30)

Baixan os ingresos en planta

Volve reducirse o número de persoas hospitalizadas en planta, que baixa do limiar dos 500 por primeira vez dende o 1 de novembro. Hai 404 persoas en planta (-17) e 93 nas UCI (+1), que levan case tres semanas por riba dos 90 ingresados.

Por desgraza, non frea a cifra de falecementos. Onte notificouse o pasamento de seis persoas por mor da covid-19 no país. Co eles, o número de vítimas desta pandemia ascende a 1.179, 545 nesta segunda vaga.

A positividade, preto do 5%

As probas PCR rexistradas polo Sergas ata onte ás 18:00 foron 880.674, das cales 7.422 se fixeron na última xornada e 426 deron positivo. Son 490 PCR menos ca onte e 570 máis ca o venres pasado. A media de probas PCR na última semana é de 6.699,43. 

Cos 426 contaxios, a taxa de positividade en Galicia situaríase no 5,74 %, preto do recomendado pola OMS e só 0,50 puntos por riba da de onte. A media dos últimos sete días de novos positivos é de 432,86 e da taxa de positividade redúcese ata o 6,52 %.

Mapa de incidencia por concellos