CRTVG

Buscar

Desartellan un punto de venda de droga en Vigo desde o que se facían entregas a domicilio

Publicado o 04/07/2019 13:26

Nunha vivenda do camiño Freixeiro quedou desarticulado un punto negro de venda de drogas en Vigo. Da investigacion policial despréndese que o tráfico de estupefacientes era constante e que algúns compradores mesmo consumían na casa. Hai un home detido por estes feitos, que ademais de empregar a vivenda na que residía para vender droga facía entregas noutros puntos da cidade.

Esta operación enmárcase no plan especial de loita contra a droga que permitiu a erradicación de varios puntos negros na cidade e a detención doutras 68 persoas no que vai de ano. Segundo a Policía Nacional, a colaboración cidadá foi clave.

En 2015 a policía xa desarticulara un punto de venda de droga nesta mesma vivenda. Daquela outro home quedara detido. O seu fillo, de corenta anos, é o responsable da súa reactivación. Foi arrestado con varias papelinas de cocaína e conta con antecedentes penais.

Noticias web

04/07/2019