CRTVG

Buscar

Buscan unha muller de 34 anos desaparecida na Coruña hai 9 días

Publicado o 10/10/2019 10:01

Esta muller é Rocío Hernández Dual. E falta da casa desde hai nove días. "Xantamos xuntos e díxome que ía ir á casa da nai contra as cinco da tarde. Eu cheguei á casa ás sete e, como as dez aínda non chegara, fun á casa da súa nai a ver se estaba, e tampouco", di Óscar Rivero Conchado, marido de Rocío.

"Veu aquí, á miña casa, que marchaba co seu marido cear e dixo que volvía ao día seguinte, pero xa non volveu. Son súa nai e teño moita dor por ela", relata a nai da desaparecida.

Óscar conta que, como cada día, Rocío saíu da súa casa das Xubias cara aos Castros para ir andando ata o domicilio da súa nai, na Rolda de Outeiro, pero aquí non chegou.  "Eu vin á casa da nai e díxome que aquí non estaba. Iso foi moi raro para min. E eu o que fixen foi buscala coa miña sogra, pero non a atopamos".

"Ela é todo para min. É a que facía a comida, coidaba os nenos... É o meu ollo dereito. Estou moi mal. Por favor cho pido, chama para dicir que estás ben", di a nai.

Rocío ten 34 anos. Mide 1,60 m, é de complexión forte, ten o pelo moreno e os ollos castaños. Marchou da casa co posto. Consigo levaba o teléfono móbil, pero din que non conseguiron poñerse en contacto con ela porque o ten apagado. "Estamos moi preocupados. Levamos unha semana buscándoa por todos os sitios. É unha nena marabillosa que nunca deu problemas, que quere moito a súa familia. Parécenos moi raro que desaparecera. Da casa non falta nada. Non levou nin as súas pinturas, roupa...", afirma a irmá.

A Policia Nacional xa abriu unha investigación para tratar de esclarecer o caso. Entrementres, os seus piden que se alguén ten calquera información ao respecto chame aos números de teléfono que aparecen na pantalla ou ben ao 112.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019