CRTVG

Buscar

Deportivo e Pontevedra saen tocados da xornada de Segunda B

Publicado o 25/01/2021 21:11

Todo o que pode saír mal acaba saíndo peor. Con ese pesada evidencia rematou o Deportivo da Coruña o derbi contra o Compostela. Cinco partidos sen gañar, dous con De la Barrera no banco. Colócase na corda frouxa do terceiro posto, perigando a promoción.

O Compos foi superior a un Dépor sen ideas nin propostas. Anuláronlle este gol aos santiagueses porque o balón rebasou a liña. A primeira metade rematou con empate a cero. No recomezo Beauveau malgasta un agasallo da defensa compsotelá e acto seguido recibe o castigo.

Mujaid reclama unha falta de Juampa que o árbitro non ve. Segue a xogada, e Miki deixa de cabeza para que Brais Abelenda remache o primeiro cravo en forma de gol. Mujaid acabou expulsado por dobre amarela. A primeira por protestar e a segunda por esta falta. O Compos, cun home máis, aproveitou a desfeita local para anotar o segundo tanto nas botas de Miki Villar.

Non lle foi mellor ao Pontevedra, que perdeu ante o líder, o Unionistas. Sexto partido sen gañar, moitos se cadra para un equipo feito para loitar polo ascenso. Agora está a 11 puntos da cabeza. En Salamanca perdeu por un tanto de penalti.

As sensacións son dun equipo que perrde fol. En dous meses estragou toda a vantaxe que tiña. Foi superado polo Celta B, o seu próximo rival, e tamén polo Compos e o Rácing de Ferrol, ambos con 15 puntos, fronte os 13 dos pontevedreses.

Ledicia xustificada, nembargantes, a que se viviu no campo do Vao. Sedento está o Coruxo de bos resultados, que ata agora non acompañan o seu bo fútbol. Ante o Salamanca, pechacancelas, obtivo con algo de fortuna, pero sobre todo con merecemento, o premio da vitoria, a terceira do campionato. O gol do triunfo dos vigueses chegou aos 37 minutos, logo dun envío de Antón de Vicente que engancha Silva. Alberto tivo unha actuación estelar, tanto baixo os paus como lonxe da área. En aprte grazas a el os tres puntos quedaron na casa.

Noticias web

25/01/2021

Máis sobre actualidade