CRTVG

Buscar

Denuncian infraccións do toque de recollida en Tordoia e Fisterra

Publicado o 08/12/2020 15:03

A pesar da dureza da pandemia, hai persoas que saltan as normas. En Tordoia e Fisterra identificaron grupos de mozos que incumprían o toque de queda. 

Segundo a información difundida pola Garda Civil, varios mozos permanecían na terraza exterior dunha cervexaría de Tordoia na medianoite do domingo para o luns. Algúns fuxiron cando os axentes tentaban indentificalos para impoñerlles unha sanción por pasar da hora límite para estar fora. Localizaron logo algúns mozos máis no interior do local, o que pode supoñer unha multa grave tamén para o establecemento.

Os seus responsables din que pecharan a actividade á hora establecida, que as camareiras estaban recollendo e limpando o local e que algúns dos clientes máis demorados que seguían fóra se achegaran pola porta de servizo e seguían falando con elas. Insisten en que cumpren cos horarios do toque de queda e quéixanse do rigor co que se aplica a normativa na hostalería fronte á tolerancia que se está tendo, din, nalgunhas áreas comerciais ou coas iluminacións de Nadal.

Este non foi o unico incumprimento do toque de queda detectado pola Garda Civil.

"Si, oín que aí nunha aldea, nunha casa abandonada". "Sempre hai listos, si; desvergonzados que non se queren ater ao que hai. Paréceme que tivo que vir a policía de Muxía meter man aí. Boa falta fai!", comentan algúns verciños de Fisterra.

Neste caso de Fisterra, os axentes obrigaron a desaloxar a vivenda e identificaron os ocupantes. "Tiñan que multar algúns máis, que parece que algúns escaparon aínda".  "Paréceme moi mal, pero a xuventude..., eu que sei...", din os veciños. 

Noticias web

08/12/2020