CRTVG

Buscar

Denuncian a existencia dun pozo sen tapar en San Pedro de Visma, na Coruña

Publicado o 15/02/2019 19:56

Veciños de San Pedro de Visma, na Coruña, alertan dun pozo que está sen selar xunto a un colexio. Advirten de que hai outras foxas na contorna entre a maleza nunha zona en que hai un proxecto de urbanización. Piden que se tomen medidas para evitar accidentes. O Concello xa sinalizou o burato.

Hai un pozo en San Pedro de Visma que está sen selar. Conta con pouco máis dun metro de diámetro e a xente do lugar di que pode ter ata vinte de fondo. Está a escasos 50 metros do valado do colexio. Ese pozo leva varios anos aquí pero non foi ata agora cando os veciños, consternados pola traxedia de Totalán en Málaga, se deron conta de que no seu barrio hai unha foxa tan perigosa como a que causou a caída de Julen.

Juán Manuel Pérez, director do CEIP San Pedro de Visma: "Estamos preto, nada, a vinte metros dunha das entradas colexio que non é empregada polos nenos realmente pero si que é potencialmente perigoso, porque pasa xente, pasa xente con cans, poden vir nenos xogar".

José Ramón Calvete, presidente da asociación de veciños Loureiro de San Pedro de Visma: "Hai que tomar cartas no asunto e evidentemente o Concello ten que mirar a ver de quen é a responsabilidade. Eu entendo que hai unha xunta de compensación que é a que leva ese polígono e ten que mirar porque teñan unha certa seguridade en todas as leiras dese perímetro onde hai este tipo de pozos".

O burato, que se atopa parcialmente cuberto con cascallos e lixo, está onde ata fai dez anos se erguía unha pequena casa. Os residentes próximos cren que se trata do pozo que daba servizo á vivenda.

José Ramón Calvete, presidente da asociación de veciños Loureiro de San Pedro de Visma: "Os do Barral e que no seu momento venderon esa casa para este polígono que está proxectado nun futuro máis ou menos inmediato. Entonces venderon a súa casa, derrubárona e quedou alí a foxa séptica e o pozo que subminstraba.

Juán Manuel Pérez, director do CEIP San Pedro de Visma: "A xente do lugar a asociación de veciños calcula que de aquí a terceira ronda que son, nada, uns 50 metros, que pode haber un par deles máis, máis pequenos. Si que son máis complicados de localizar porque hai moita maleza".

A zona en que se atopa hai leiras onde algúns veciños teñen ortas e animais. Outras partes están abandonadas e o Concello limpa cada pouco. Contan que ademais dese pozo, que é o máis visible, hai outros entre a herba que non se ven. Piden que se tapen e non espere a urbanizar a zona.

Noticias web

15/02/2019