CRTVG

Buscar

Denunciados por alerta falsa catro mozos que estaban de festa nun piso de Lugo

Publicado o 12/11/2019 14:35

Catro mozos foron denunciados en Lugo por unha alerta falsa. Cando estaban de festa nun piso da rúa Caiñós, ocorréuselles chamar de forma reiterada ao 092 facéndose pasar por un veciño que se queixaba do ruído.

Daquela, unha patrulla da Policía Local acudiu ao lugar e comprobou que o suposto denunciante non realizara chamada ningunha, senón que foran os mozos da propia festa. Chamaron de volta ao número dende o que lles deran aviso e constataron que o teléfono soaba no interior da vivenda en cuestión.

Xa sen escusas, os mozos acabaron admitindo que se trataba dunha broma. Recoñeceron que a súa intención era gravar a intervención policial para compartila nas redes sociais. Como resultado, os axentes identificaron catro dos mozos e levantáronlles cadansúa acta por infracción da Lei de emerxencias de Galicia.

Trátase dunhas infraccións consideradas moi graves, dada a mobilización inxustificada dos efectivos policiais. A broma, polo tanto, pódelles saír moi cara aos catro mozos denunciados, posto que cada un deles se enfronta agora a unha multa de entre 1.000 e 15.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/11/2019