CRTVG

Buscar

Delgado defende o seu nomeamento: "Que fora ministra non é unha debilidade, senón unha fortaleza"

Publicado o 20/02/2020 18:30

A ex-ministra de Xustiza, Dolores Delgado defendeu este xoves dita condición durante a súa comparecencia ante a Comisión de Xustiza, que ten que valorar a súa idoneidade como fiscala xeral do Estado, fronte ás duras críticas que suscitou a súa elección polo Goberno de Pedro Sánchez. "Non é unha debilidade senón unha fortaleza", manifestou, para insistir en que o actual sistema "preserva a autonomía e a imparcialidade" do Ministerio Fiscal.

Delgado empregou o seu discurso inicial na Cámara baixa a defender con firmeza o seu currículo de 30 anos como fiscala de carreira, onde se especializou na loita contra o narcotráfico e chegou a ser a coordinadora de Terrorismo na Audiencia Nacional. Describiuse como funcionaria de carreira e destacou a especial importancia da figura do fiscal na protección das vítimas. Tamén defendeu o sistema de elección de fiscal xeral do Estado que consagra tanto a Constitución como o estatuto do Ministerio Fiscal, en que participan os tres poderes do Estado.

A ex-ministra de Xustiza, Dolores Delgado, será nomeada mañá nova Fiscala do Estado. 
Esta tarde compareceu na comisión de Xustiza do Congreso, o último trámite antes de tomar posesión do seu novo cargo. Varios partidos da oposición volveron cuestionar o seu nomeamento, polo feito de ser ministra de Xustiza do PSOE na anterior lexilatura e ademais reprobada tres veces no Congreso dos Deputados. Dolores Delgado defendeu a súa independencia, e asegurou que o feito de ser ministra non a incapacita para ser fiscala xeral.

Dolores Delgado, candidata a Fiscala Xeral do Estado, "o feito de ser ministra de Xustiza debe verse como unha fortaleza, non como unha debilidade"

Edmundo Bal, Ciudadanos: "Vai estar vostede sempre baixo sospeita, porque non pode garantir a imparcialidade"

Javier Ortega Smith, Vox: "vostede ven garantizar desde a Fiscalía Xeral do Estado o pagamento da débeda que ten Sánchez cos seus socios comunistas, proetarras e cos separatistas"

Luís Santamaría Ruíz, PP: "Vai ser unha fiscala xeral de parte, axeonllada ante o Goberno e fiel guardiana do Partido Socialista e defensora dos independentistas"

Dolores Delgado, "conmínoos a que me chamen cantas veces estimen oportuno para dar explicacións aquí na sede da soberanía popular de como se desenvolve o meu traballo, como se respeta a independencia e como vou traballar con independencia e autonomía"

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/02/2020