CRTVG

Buscar

Deixan anotada na porta do aseo a cantidade que roubaron no bar

Publicado o 13/12/2019 14:13

Un bar de Lugo sufriu un roubo polo método do descoido. Lévaronlles 6.000 euros que gardaban nun bolso e que eran para as pagas extra do persoal e de recadación de vendas de lotería. A cousa aínda é peor, porque a Policía Nacional sospeita que os ladróns volveron ao lugar do roubo. Proba diso sería unha pintada que apareceu no baño e que representaba a suma do importe roubado. Podería ser unha burla polo acontecido.

6.000 euros foi o botín que levaron os ladróns deste bar da rúa García Abad de Lugo. Supostamente, dous individuos que estaban a xogar na máquina comecartos e que nese momento eran os únicos clientes, aproveitaron que a propietaria, que estaba soa, foi deixar unha caixa no almacén. Neses intres fixéronse cun bolso que había no interior da barra e en que se gardaban os 6.000 euros. Un dos supostos ladróns marchou acto seguido pero o outro aínda permaneceu no establecemento ata que rematou de xogar á máquina e incluso se despediu ao marchar.

"Un ou dous individuos aproveitaron a ausencia momentánea da dona do establecemento para subtraer dun bolso unha carteira que contiña 6.000 euros".

Pero o peor estaba por chegar. Cando o roubo xa fora denunciado apareceu no baño masculino unha pintada onde figuraba unha suma en que se reflectían os conceptos e cantidades correspondentes ao roubo. É dicir, como se os ladróns foran facer burla dos donos do establecemento. A dúbida está en que a cantidade que poñía na pintada é de 4.000 euros mentres que o subtraído eran 6.000. Por iso a Policía Nacional investiga se roubo e pintada son obra dos mesmos autores. Os 6.000 euros correspondían á cantidade recadada pola venda de lotería e ao pago das extras do persoal do bar.

"Apareceu unha pintada que facía referencia a unhas cantidades que puideron ser as do roubo, se ben as cifras non cadran. Estamos a investigar".

Dende a policía recomendan extremar as medidas de seguridade fronte a roubos nestas datas, polo volume de cartos que se moven, especialmente nos locais de hostalería.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/12/2019